IGADI / Vieiros, 12 - II - 2002

Máis armas

Carlos Méixome

Os grandes beneficiados tras os acontecementos do 11-S son, sen lugar a dúbidas, os fabricantes de armas e os políticos "militaristas". Non é necesario aclarar que nos dous casos referímonos aos norteamericanos.

O presidente Bush envía un proxecto de orzamentos que medra nun doce por cento, no apartado de Defensa, en nun cento once por cento no de Seguridade Interior.

Orzamentos de guerra, para un longo combate contra o terrorismo e o "eixe do mal" (Irán, Iraq e Corea do Norte).

En datos absolutos os gastos do Pentágono ascenderán a trescentos setenta e nove mil millóns de dólares (catrocentos corenta millóns de euros), isto é corenta e oito mil millóns de dólares máis que o pasado exercicio.

Bush fixo coincidir a entrega do proxecto orzamentario no Congreso cun discurso nunha base militar. Ao tempo o xefe da Oficina Orzamentaria da Casa Branca indicaba que as partidas de Defensa e Seguridade Interior eran innegociables.

Os "demócratas" apresuráronse a indicar que o incremento orzamentario suporía unha diminución das axudas sociais e afectaría ás reservas da Seguridade Social, aínda que en ningún momento criticaron o aumento dos gastos de Defensa e Seguridade Interior, aspecto no que non están dispostos a enfrontarse co presidente.

Este retrucoulles que a situación é extraordinaria e polo tanta xustifica a ruptura do compromiso electoral de non meter man na caixa da Seguridade Social.

Outro aspecto sorprendente do proxecto é a asunción dun déficit de cento seis mil millóns de dólares, que situaría a débeda en 3,6 billóns no 2004, ao tempo que se reducen os impostos en cincocentos noventa e un mil millóns en dez anos.

Os gastos de Defensa suporán o 3,1% do PIB con aumentos substanciais en todas as partidas. Algúns datos útiles para establecer comparacións: a media dos países da UE está no 1,4% do PIB; entre os grandes, Alemaña dedícalle á defensa o 1,1% e o Reino Unido o 2,4; Rusia inviste o 3,6%.

En termos absolutos os EE.UU. multiplican por dez o investimento militar de Rusia e China xuntos.

O historiador británico Paul Kennedy no seu estudio sobre o auxe e a caída das grandes potencias lembra que o poder dos EE.UU. non ten precedentes na Historia e aporta a seguinte reflexión: con só o catro por cento da poboación mundial produce o trinta por cento dos bens, cun gasto militar que supera un tercio do mundial; mentres, a enorme China produce o tres por cento dos bens mundiais.

Cómpre retrotraerse aos tempos do Reagan para topar un incremento do gasto semellante. Daquela as espectaculares inversións militares serviron para que a URSS se decatase de que xa non podía competir cos EE.UU. na carreira de armamentos. A guerra fría remataba co triunfo norteamericano.

Agora trátase de asegura-lo predominio militar e con el o político e económico. Aos demais só lles queda manifesta-la "intranquilidade", como fixeron algúns dirixentes europeos, ante a nova carreira de armamentos emprendida polos EE.UU. contra si mesmo.

Vehículos aéreos non tripulados ou avións espías; municións de precisión, tamén chamadas bombas, seica, intelixentes; defensa antimísiles; novos avións de combate F-22 Raptor; novos avións de transporte C-17, novas fortalezas flotantes como o potaavións Ronald Reagan; etc... Ese será o destino do orzamento militar máis grande da Historia.

Carlos Méixome é membro do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional).