Vieiros, 2 - VII - 2004

Prostitución nos xornais

Xabier Cordal

Moitos columnistas do papel diario compiten en mediocridade. Ben pagos, enchen o baleiro editorial nas grandes cabeceiras vinculadas ás entidades bancarias, á Xunta ou á Deputación de turno. Que case sempre se coidan, por motivos políticos, de conceder espazo a quen se saia con demasiada frecuencia do guión.

Gustaríanos, así e todo, que algunha pluma-estrela deses medios (opinións áxiles e demoledoras coma as de Carlos Luis Rodríguez ou Roberto L. Blanco Valdés), azoute da inmoralidade nacionalista vasca, da inmoralidade antisistema que rompe cristais nas manifestacións, da inmoralidade sindical dos piquetes informativos, dedicasen unhas liñas, tan só unhas liñas, a comentar con sabia ponderación un detalle moito máis próximo.

O Dicionario Xerais da Lingua define "proxeneta" como "individuo que obtén beneficio da prostitución". O actual Código Penal español non castiga a prostitución, pero si o proxenetismo.

O razoamento é simplote: se os xornais inclúen anuncios con fotografías e descricións de mulleres que venden sexo, os xornais fan de intermediarios no negocio, e desde ese punto de vista dá toda a impresión, aínda que ao mellor estou equivocado, de que se trata dun delito de proxenetismo. Tales anuncios salvagardan algunha estraña norma de decencia: non se ofertan menores, animais nin cadáveres.

Quen nos dedicamos ao ensino temos observado, nos últimos anos, que o interese dalgúns rapaces pola prensa diaria aumentou. A carón dos suplementos escolares, algunhas páxinas despois, aparecen fotos de mulleres espidas ou semiespidas. Unha imaxe vale máis que mil palabras, e nunca mellor dito -vale máis cartos-.

Cando esas mesmas vítimas da trata de brancas se agochaban en minúscula letra impresa, o consabido alumno traste nunca me largara esta pregunta: "profe, profe: que significa francés completo?". Aforro indicarlle ao amable lector que a resposta, no ámbito da escola pública, podería ser denunciada por inmoral.