Contos espirituais
recollidos por Anthony de Mello en libros como O canto do paxaro
|
O monxe chegara á aldea e acampou debaixo dunha árbore para pasa-la noite. Íase deitar cando chegou un habitante da aldea, correndo e berrando: —¡A pedra! ¡A pedra! ¡Dame a pedra preciosa! —¿Que pedra? — preguntou o monxe. —Onte á noite aparecéuseme en soños un anxo, e díxome que se viña hoxe ó bosque, entre lusco e fusco, encontraría a un monxe que me daría unha pedra preciosa coa que me faría rico para sempre. O monxe remexeu no seu peto e sacou unha pedra. —Seguramente falaba desta. E deulla. —Atopeina no camiño hai uns días. Podes quedar con ela se queres. O home quedou pampo mirando para a pedra. ¡Era un diamante! Tal vez o maior diamante do mundo, porque era tan grande como a man dun home. Colleuno e marchou tan rápido como viñera. Esa noite pasouna en branco, dando voltas na cama sen descanso, totalmente incapaz de dormir. Cando aínda non saíra o sol, foi onda o monxe para espertalo, e díxolle: —Dame a riqueza que che permite desprenderte con tanta facilidade deste diamante. |
|
Preguntaba o monxe: —Todas estas montañas, e estes ríos, e a terra e as estrelas... ¿de onde veñen? Respondeulle o mestre: —¿E de onde vén a túa pregunta? |
|
En certa ocasión dicíalle Pu Xang a Confucio: —¿Que clase de sabio es ti, que te atreves a dicir que Ien Hui te supera en honradez; que Tuan Mu Tsu é mellor ca ti á hora de explica-las cousas; que Chung Iu é máis valoroso ca ti; e que Chuan Sun Xih é superior a ti en elegancia? Na súa ansia por obter resposta, Pu Xang case cae da tarima onde estaban sentados. E engadiu: —Se todo iso é certo, ¿por que os catro son discípulos teus? Confucio respondeu: —Queda onde estás e direicho. Ien Hui sabe como ser honrado, pero non sabe como ser flexible. Tuan Mu Tsu sabe como explica-las cousas, pero non sabe dar un simple "si" ou "non" por resposta. Chung Iu sabe como ser valoroso, pero non sabe ser prudente. Chuan Sun Xih sabe como ser elegante, pero non sabe ser modesto. Por iso os catro están contentos de estudiar comigo. |
|
Ós discípulos que sempre lle pedían palabras de sabedoría, o mestre díxolles: —A sabedoría non se expresa en palabras. Revélase na acción. Pero cando, á semana seguinte, viu que se precipitaran de cabeza na actividade, riu sonoramente e dixo: —Non, iso non é acción, iso é movemento. |
|
Cada tardiña, cando o gurú sentaba para o culto vespertino, achegábase por alí o gato do templo. Como provocaba a distracción dos fieis, o gurú dispuxo que atasen o gato durante o culto. Despois de morto o gurú, os seus discípulos seguían atando o gato durante o culto. E cando o gato morreu, levaron outro gato ó templo para atalo durante o culto. Séculos máis tarde, os sucesores do gurú escribiron tratados eruditos respecto das esenciais funcións desempeñadas polo gato na correcta celebración da liturxia. |
Continuará...
Copyleft César Salgado García - cesarsalgado@yahoo.com