Preámbulo a las instrucciones para dar cuerda al reloj

Piensa en esto: cuando te regalan un reloj te regalan un pequeño infierno florido, una cadena de rosas, un calabozo de aire. No te dan solamente el reloj, que los cumplas muy felices y esperamos que te dure porque es de buena marca, suizo con áncora de rubíes; no te regalan solamente ese menudo picapedrero que te atarás a la muñeca y paseará contigo. Te regalan —no lo saben, lo terrible es que no lo saben—, te regalan un nuevo pedazo frágil y precario de ti mismo, algo que es tuyo pero no es tu cuerpo, que hay que atar a tu cuerpo con su correa como un bracito desesperado colgándose de tu muñeca. Te regalan la necesidad de darle cuerda todos los días, la obligación de darle cuerda para que siga siendo un reloj; te regalan la obsesión de atender a la hora exacta en las vitrinas de las joyerías, en el anuncio por la radio, en el servicio telefónico. Te regalan el miedo de perderlo, de que te lo roben, de que se te caiga al suelo y se rompa. Te regalan su marca, y la seguridad de que es una marca mejor que las otras, te regalan la tendencia de comparar tu reloj con los demás relojes. No te regalan un reloj, tú eres el regalado, a ti te ofrecen para el cumpleaños del reloj.


Conto de Julio Cortázar (1914 - 1984), incluído no libro Historias de cronopios y de famas (1962). Por suposto aplicable ó celular ou á computadora...

 

A marquesiña

Chámanlle a "Marquesiña" e os seus peíños endexamais se calzaron.

Vai á fonte, depelica patacas e chámanlle a "Marquesiña".

Non foi á escola por non ter chambra que pór e chámanlle a "Marquesiña".

Non probou máis lambetadas que unha pedra de zucre e chámanlle a "Marquesiña".

A súa nai é tan probe que traballa de xornaleira na casa do Marqués.

¡E aínda lle chaman a "Marquesiña"!


Conto de Daniel Alfonso Rodríguez Castelao (1886 - 1950), incluído no libro Cousas (1926-29).

 

Comprei a cidade de París

Na feira de Arzúa sempre hai quen venda de todo. Hai vendedores tan bos que as persoas acaban comprando o que non necesitan, incluso cousas que non valen para nada.

Unha vez chegou un home que vendía cousas raras: o río Amazonas, o Océano Pacífico, os mares da Lúa... Dáballe a cada comprador unha escritura de propiedade, para que todo o mundo soubese quen era o dono desas cousas.

Tiña unha labia extraordinaria. Falaba tan ben que convenceu a unha chea de xente para que levase a súa mercancía. Ó cabo dunha hora so lle quedaba por vender a cidade de París.

Quen quedou coa cidade de París foi un barbeiro chamado Filipe, a cambio de cortarlle o pelo e a barba a aquel home.

Filipe enmarcou a escritura e púxoa nun lugar ben visible da súa barbería, para que tódolos clientes a puidesen ler: "Propietario da cidade de París".

Filipe aprendeu máis cousas sobre a cidade de París, e fachendeaba seguido, dicindo:

—É unha cidade de Francia, máis aínda, é a capital de Francia.

—Por ela pasa un río que se chama o Sena.

—Ten dez millóns de habitantes, e todos falan o francés.

Filipe foi aforrando pouco a pouco, e finalmente marchou a París para ve-la súa propiedade.

A cidade era marabillosa, e Filipe encontrou ós habitantes moi amables e moi guapos. Pero nin el entendía unha palabra do que lle dicían os parisienses, nin estes entendían nada do que dicía Filipe.

—Son o dono da cidade, ¿non volo dixeron aínda?

Os parisienses dicían que si coa cabeza, porque non entendían nada pero eran amables, e Filipe poñíase todo contento.

Cando volveu á súa barbería de Arzúa, Filipe comentaba cos clientes:

—Unha cidade así a cambio dun corte de pelo e barba. Verdadeiramente comprei ben barato.

Pero o barbeiro enganábase. Pagara de máis. Porque cada neno que vén a este mundo ten direito a gozar do mundo enteiro sen pagar un céntimo. So ten que abri-los ollos e collelo coas súas mans.


Conto adaptado de Favole al telefono, obra de Gianni Rodari (1920 - 1980). Publicada orixinalmente por Giulio Einaudi, Torino, 1962. Hai versións castellana e galega de Editorial Juventud, Barcelona.

 

O país co "des" diante

Xoanciño Perdedía era un grande viaxeiro. Viaxa que viaxa, chegou ó país co "des" diante.

—¿E que país é este? —preguntoulle a un cidadán que tomaba o fresco debaixo dun carballo.

O cidadán, por toda resposta, tirou do peto unha navalla e amosoulla ben aberta enriba da palma da man.

—¿Ves isto?

—Vexo. É unha navalla.

—Non tal. Isto é unha "desnavalla", unha navalliña co "des" diante. Serve para facer medra-los lapis cando están gastados. É moi útil na escola.

—Magnífico —dixo o Xoanciño. ¿E que máis tedes neste país?

—Pois témo-lo "despercheiro".

—Quererás dici-lo percheiro.

—Un percheiro serve de ben pouco se non tes un abrigo para colgar nel. Co noso despercheiro todo é diferente. Non hai que colgar nada, xa está todo colgado. Se tes necesidade dun abrigo, vas alí e descólgalo. O que precisa unha chaqueta non ten por que ila mercar: pasa cabo do despercheiro e descólgaa. Hai o despercheiro de verán e o de inverno, un para home, un para muller e outro para os nenos. Así aforramos moitos cartos.

—Unha verdadeira marabilla. ¿Que máis?

—Logo témo-la máquina "desfotográfica", que no canto de tirar fotografías fai caricaturas, e así rimos todos. Tamén está o "descanón".

—¡Brr, que medo!

—Non, home, o descanón é o contrario do canón. Serve para desface-la guerra.

—¿E como funciona?

—É facilísimo, pode manexalo incluso un neno. Se hai guerra, tocámo-la destrompeta, disparámo-lo descanón e a guerra queda desfeita nun instante.

¡Quen me dera vivir no país co "des" diante!


Conto adaptado de Favole al telefono, obra de Gianni Rodari (1920 - 1980). Publicada orixinalmente por Giulio Einaudi, Torino, 1962. Hai versións castellana e galega de Editorial Juventud, Barcelona.

 

Na ribeira do Oka

Na ribeira do río Oka vivían felices moitos labregos. A terra non era moi fértil, pero co esforzo daquela xente producía o necesario para vivir desafogadamente, e aínda quedaba algo para gardar "das risas para as choras".

Iván, un dos labregos, estivo unha vez na feira de Tula e acordoulle de comprar dous cadelos para que coidasen da casa.

Os cans fixéronse axiña famosos en toda a veiga do Oka polas escapadas que facían tripando as leiras, desfacendo as plantacións e poñendo medo ó gando.

Tanto destrozo facían que Nicolás, veciño de Iván, foi á primeira feira de Tula para comprar outra parella de cans que defendesen a súa casa, as súas terras e o seu gando. E así foron facendo tódolos labregos.

Ó principio, os cans que gardaban unha casa pelexaban cos das outras, pero pronto se fixeron amigos e facían xuntos as escapadas. Ademais, empezaron a esixir máis dos seus donos: xa non se contentaban cos ósos e demais sobras da casa, senón que había que reserva-las mellores talladas da matanza, e houbo que construír casetas para eles e dedicar máis tempo ó seu coidado.

Cantos máis cans había, maiores eran as perdas que provocaban nas escapadas nocturnas, e os labregos compraban máis cans para defenderse. Xa había en cada casa unha manda de dez ou doce.

En canto viña a noite, se os cans sentían calquera ruído, empezaban a correr e ladrar como se un exército de ladróns ameazase a casa. Os donos collían medo, atrancaban ben as portas e dicían:

—Deus querido, que sería de nós sen estes gardas que nos defenden valentes cada noite...

Mentras, a miseria chegara á aldea. Os campos e o gando recibían ataques a cotío. Os nenos non tiñan apenas que comer, por máis que os homes traballaban de sol a sol.

Un día queixábanse diante do home máis vello e sabio do lugar, e botábanlle a culpa a unha maldición de Deus. O vello díxolles:

—A culpa tédela vós: dicides que na vosa casa falta o pan para os vosos fillos, e vexo que todos mantedes ducias de cans gordos e lustrosos.

—Son os defensores das nosas casas— exclamaron os labregos.

—¿Os defensores? ¿De quen vos defenden?

—Señor, se non fose por eles, os cans que andan soltos polas noites acabarían co noso gando e mesmo nos atacarían a nós.

—¡Cegos, cegos! —dixo o vello— ¿Non entendedes que os cans vos defenden a cada un de vós dos cans dos demais e que se ninguén tivese cans non precisariades defensores, que comen o pan que debía alimentar ós vosos fillos? Desfacédevos dos cans, e a paz e a fartura volverán ás vosas casas.

E seguindo o consello, os labregos desfixéronse dos defensores, e axiña volveron os bos tempos ás leiras e ós prados, e os sorrisos de felicidade ás caras dos nenos.


Conto antimilitarista de Lev Nikolayevich Tolstoy (1828 - 1910).

 

Contos

Copyleft César Salgado García - cesarsalgado@yahoo.com

Esta web apoia a iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet