Estes contos adapteinos a partir dos recollidos por, entre outros:
|
Un corvo vello, antes de saca-los fillos do niño, dáballes algúns consellos, para que soubesen andar polo mundo sen perigo. Dicíalles: —Mirade, cando vexades vir un home, escapade, porque se vos colle pódevos matar. Se vedes que trae un pau furado, o que os homes chaman unha escopeta, escapade aínda que estea lonxe. Se vedes que se baixa para coller unha pedra, escapade tamén aínda que estea lonxe. Nisto falou un dos corviños e preguntoulle ó pai: —¿E se trae a pedra no peto? E contestoulle o pai: —Ti pódeste ir, que xa sabes andar so. |
|
Unha vez era un pastor, e o raposo comíalle as ovellas todas. O pastor xa non sabía como había de facer, así que chamou polo raposo e díxolle: —Mira, raposo, ti e máis eu non podemos seguir así. Propóñoche un trato. —¿Que trato é? — preguntou o raposo. —A ver logo. Eu sei que a ti che gustan máis as galiñas que as ovellas, ¿nonsí? —Home, para que o vou negar... Pero as galiñas telas gardadiñas na casa, e as ovellas téñoas máis á man no monte. —Pois mira. Se ti non me comes máis ovellas, eu tráioche da casa un saco cheo de galiñas das máis gordas que teño. O raposo lambía o fuciño moi contento, pensando nas galiñas, e dixo: —¡Trato feito! Pero mira ben que mas vaias traer, porque se non mas traes... —Non te preocupes, ho, que mañá á primeira hora xa as tes aquí. O pastor marchou para a casa. Á mañá seguinte encheu un saco de cans e volveu ó monte. O raposo xa o estaba agardando, e preguntoulle ó pastor: —¿Que? ¿Traes aí o que me prometiches? —¡Traio, ho! Aquí te-las galiñas que che prometín. E puxo no chan o saco cheo de cans. O raposo achegou o fuciño ó saco para ver se lle ulía ben. E dixo: —Ai, galiñas serán,
Pero o raposo tiña gana de ve-las galiñas, e abriu o saco. Entón os cans botaron a correr atrás del... ¡e disque o raposo aínda está correndo hoxe! |
|
Cando era mozo, Nasruddin traballaba de barqueiro, pasando xente dunha beira do río para a outra. Un día o pasaxeiro resultou ser un mestre de escola, que decidiu facerlle unha proba a Nasruddin e ver cánto sabía. —Dime, Nasruddin, ¿cantas son oito veces seis? —Non teño nin idea —respondeu o mozo. —¿Como escribes "hendecasílabo"? —Eu nunca escribín esa palabra —dixo Nasruddin. —¿Non aprendiches nada na escola? —Non —respondeu Nasruddin. —Nese caso, a metade da túa vida está perdida. Xusto entón comezou unha feroz treboada, e a barca afundiuse. —Dime, mestre —dixo Nasruddin—. ¿Algunha vez aprendiches a nadar? —Non —respondeu o mestre. —Nese caso, a túa vida enteira está perdida. |
|
Había unha vez catro mozos que vivían nunha aldea. Para pasa-lo tempo, andaban sempre a inventar historias e contos estraños. Un día viron no camiño a un viaxeiro, un home ben vestido que viña de fóra, e entre os catro argallaron para roubarlle a roupa. Os mozos achegáronse ó home e puxéronse a falar con el. De alí a un pouco, un dos mozos propuxo facer un concurso: —Que cada un de nós conte a súa aventura máis marabillosa. Se alguén non a cre, convertirase en escravo de quen a contou. Ó viaxeiro pareceulle ben a idea, e os catro mozos rían entre eles, pensando que aquel home era un parvo. Os mozos pensaban que non podían perder, porque eles nunca dirían que non crían as historias do viaxeiro. E ademais tiñan pensado contar historias imposibles de crer... Así, cando o home perdese o concurso, sería o seu escravo e tería que dárlle-la súa roupa. Chamaron ó alcalde para que fixese de árbitro e quedaron en que o viaxeiro falaría de último. Comezou a falar o primeiro concursante: —Antes de que eu nacese, miña nai pediulle a meu pai unhas cereixas da cerdeira que hai á beira da casa, pero meu pai díxolle que estaban moi altas. Entón fun eu, cando ninguén me vía, agatuñei pola cerdeira arriba, collín as cereixas e pouseillas na mesa á miña nai. O viaxeiro non dixo nada, así que comezou a falar o segundo mozo: —Cando eu tiña unha semana, fun ó monte a dar un paseo e subín a un eucalipto onde había unha colmea. Convencín ás abellas para que non me picasen e enchinme de mel. Despois doíame o bandullo e non podía baixar do eucalipto, así que fun á casa por unha escaleira e cando trouxen a escaleira xa puiden baixar. O viaxeiro non abriu a boca, así que comezou a falar o terceiro concursante: —Cando tiña un ano vin un coello liscando polo souto arriba e púxenme a seguilo. Cando o pillei polo rabo, descubrín que era un tigre. O tigre abriu a boca para me papar, pero eu díxenlle que iso non estaba ben. Como o tigre non me facía caso, sopreille e partino en dous. Tampouco aquí dixo nada o home, así que tivo que falar o cuarto mozo: —O ano pasado fun pescar, pero non collín troita ningunha. Pregunteilles ós outros pescadores se eles pillaran algo, pero eles estaban igual. Entón, para averigua-lo que pasaba, boteime ó río. Tardei tres días en chegar ó fondo, e alí vin un peixe grande como unha montaña que estaba a comer tódolos peixes pequenos. Matei ó peixe grande dunha labazada e, como tiña algo de fame, decidín xantar alí mesmo. Fixen lume, aseino e papeino dunha sentada. Os mozos esperaban que o viaxeiro dixese algo como "iso non pode ser" ou que rise polo menos. Pero o viaxeiro non dixo nada desta historia e comezou a conta-la súa, porque xa lle tocaba o seu turno: —Hai algúns anos eu tiña unha granxa. No medio había unha árbore de froita, moi distinta ás demais, con catro pólas e ningunha folla. Co tempo, de cada unha das pólas saíu un mozo. Como a árbore era miña, os mozos eran os meus escravos, e púxenos a traballar na granxa. Pero eran moi preguiceiros, e sentaban a contar contos en vez de baixa-lo lombo. Hai dúas semanas que escaparon os catro da granxa e alégrome de que por fin os teña atopado. Os catro mozos sodes vós, así que, por favor, volvede á granxa. Os mozos non sabían que dicir. Se dicían que a historia era falsa, perderían o concurso e convertiríanse en escravos do home. Pero se dicían que a historia era verdadeira, tamén se estaban facendo escravos do viaxeiro. O alcalde preguntoulles se crían a historia ou non, e como os mozos non contestaron, decidiu que os mozos eran escravos daquel home. O home pediulles ós mozos as súas roupas e deixounos encoiro para vergonza deles e exemplo de tódolos mentireiros do mundo. |
|
Hai moitos anos, nunha aldea á beira do río, vivía un home que se chamaba Mabale. Tiña unha filla moi fermosa, e non quería que ningún mozo se lle achegase. Naquel tempo, as mozas non podían escoller con quen casaban. Se viña un mozo que quería a unha moza por muller, tiña que pedirlla ó seu pai, e era o pai quen daba ou negaba o permiso. Mabale poñíalles unha proba a tódolos mozos que lle pedían permiso para casar coa súa filla. A proba era a seguinte: tiñan que traerlle desde o río un cesto cheo de auga. Pero a auga escoaba por entre os vimbios do cesto, e era ben difícil que chegase unha pinga á casa de Mabale, para canto máis o cesto cheo. E os mozos marchaban tristes para a súa casa. Un día de primavera apareceu un viaxeiro na aldea. Cando viu á filla de Mabale quedou namorado dela e foilla pedir ó seu pai. Mabale púxolle a mesma proba de sempre e el aceptou. O forasteiro pediu o cesto máis grande que houbese na aldea para o encher no río, e máis dúas varas para podelo coller despois. O cesto que lle deron era alto como un home, dos que levan na miña parroquia cando van apaña-las uvas. Tamén pediu que lle axudasen dous mozos da aldea a saca-lo cesto do río. A xente da aldea riuse moito vendo o que facía aquel home. Chamábanlle "o home parvo" porque todos sabían que ninguén podía leva-la auga nun cesto. Chegou o día de cumpri-la proba e aló se meteron no río o forasteiro e mailos mozos que lle axudaban. Cando quixeron saca-lo cesto, pesaba tanto que as varas romperon ó momento. Entón o home díxolle a Mabale que aquelas varas non aguantaban do cesto, e pediulle unhas liñas de fume da súa lareira para poñer no sitio das varas. Mabale foi á casa e quixo colle-las liñas de fume, pero escapábanlle polo aire, así que volveu e explicoulle ó forasteiro o que lle pasara, e entón o forasteiro respondeu: —Pois se non me traes unhas liñas de fume, non che podo levar un cesto con auga. E Mabale tivo que darlle a razón e o permiso para casar coa súa filla. Porque non podemos pedirlle a ninguén que faga unha cousa imposible. |
|
Era unha muller que tiña un fillo medio tolo, e o fillo xa era mozo. Un día, o mozo díxolle á nai que quería marchar polo mundo adiante. A nai non o quería deixar ir, pero tanto el insistiu e tanto el porfiou, que ó final tivo que darlle permiso. Antes de marchar, mataron un año e comérono, pero como o mozo non estaba a gusto se non facía algunha toleada, colleu as tripas do año e atounas de arredor do seu bandullo como se fosen un cinturón. Despedíronse a nai e mailo fillo, e a nai deulle un consello: —Fálalle a todo o mundo con educación. Tes que da-los bos días, as boas tardes e as boas noites, e cando encontres a alguén traballando, dilles "Deus vos axude". O tolo marchou por un camiño e encontrou a dous homes pelexando. Acordouse do consello da nai e díxolles: —Boas tardes. Deus vos axude. Os que pelexaban pensaron que estaba a burlarse deles e contestáronlle: —¿Como que Deus nos axude? ¡Ímoste axudar nós a ti! Pararon de pelexar entre eles e déronlle unha malleira ó tolo. Cando cansaron, o tolo díxolles: —Eu se vos dixen "Deus vos axude" foi porque miña nai me mandou. —Pois así non se di. —¿E logo como hei dicir? —Deus vos aparte. O tolo seguiu polo camiño e chegou á porta dunha igrexa onde estaban a facer unha voda, e díxolles: —Boas tardes. Deus vos aparte. Os da voda, oíndo aquilo, fóronse a el e zoupáronlle ata quedar sen folgos. —¿Por que me pegades? —¿E aínda o preguntas? Por dicir "Deus vos aparte". —¿E logo como hei dicir? —Tes que dicir "Deus vos aumente". Botou a andar outra vez o tolo. Viu un home que estaba a curar uns furunchos que lle saíran nunha perna, e díxolle: —Boas tardes. Deus vos aumente. O que lle aumentaron foron os paus ó tolo, pois aquel home deulle unha tunda que non é para contala. O toliño comprendeu que non falara como debía, e preguntou: —¿Seica non falei ó xeito? ¿Como teño que dicir? —Tes que dicir "nin nazan nin reverdezan". De alí a un pouco viu a uns labregos que andaban a sementa-lo trigo e díxolles: —Boas tardes. Nin nazan nin reverdezan. Os labregos pegaron a correr atrás del. Pero o tolo, que xa viña escarmentado, escapou. Como lle estorbaban as tripas do año que traía na cintura, sacou a navalla e cortounas. Unha muller que traía a comida para os labregos berrou: —Non o colledes, que sacou a navalla e botou as tripas fóra, e agora corre moito máis. Os labregos pensaron que para collelo habían de face-lo mesmo, sacaron as navallas, e cada un abriu o seu bandullo. E, claro, alí quedaron no sitio. |
|
Era un ano de moitas neves. O raposo e o lobo non encontraban comida e tiñan moita fame. Un día, o raposo díxolle ó lobo: —Compadre, o mellor que podemos facer é, como fan os homes, cavar unha leira e sementar un pouco trigo, así polo menos teremos pan. —Moi ben pensado. Pero, ¿que habemos comer mentras traballamos na leira? —Iso amañámolo fácil. Cebamos un cocho e, en canto o matemos, empezamos coa leira. E cebaron o porco, matárono e enterrárono no monte para que ninguén o vise. Pero deixáronlle o rabo por fóra, de sinal, por se acaso despois non acertaban co sitio. Entón empezaron a cavar. O lobo dáballe duro, pero o raposo facía que traballaba, levando unha xesta de aquí para alí, ou tirando pola raíz dun fento. Ó pouco de empeza-lo traballo, o raposo sentiu fame. Puxo unha man na orella como para oír mellor, e díxolle ó lobo: —Compadre, parece que me chaman. E berrou coma quen que contestaba ós que chamaban por el: —¡Xa vou, comadre! ¡Xa vou! Logo díxolle ó lobo: —É unha comadre miña, que vai bautizar un fillo. Chámame para que lle vaia de padriño, e non lle podo dicir que non. —Pois vai se tes que ir, que eu mentras vou adiantando o traballo. O raposo marchou, pero non foi a bautizo ningún. Foi direitiño para onde estaba o porco e comeu a fartar. Deitouse a descansar e, cando lle pareceu, volveu onda o lobo, e díxolle: —¡Ai, véñoche ben cansado! Tiven que andar dúas leguas para ir ó bautizo, e outras tantas para volver. —¿E que nome lle puxeches ó rapaz? —Púxenlle "Empezadallo". —Eche ben bonito o nome. Eu xa adiantei bastante a cavar na leira. Teño fame. ¿Por que non imos comer un pouco do cocho? —¡Non, iso non pode ser! Se enchémo-lo bandullo despois dáno-lo sono e non temos gana de cavar. Hai que remata-lo traballo primeiro. E volveron ó choio. Non pasaran cinco minutos e o raposo fixo outra vez como se chamasen por el para ir bautizar un pequeno. Díxollo ó lobo e foi comer no porco un pouco máis. Ó volver díxolle ó lobo: —¡Ai, veño desfeito! Este bautizo era a catro leguas. —¿E como lle puxeches ó neno? —Púxenlle "Mediadallo". Tamén este nome lle gustou ó lobo, e seguiron cavando. De alí a un pouco fixo o raposo a xogada por terceira vez. Acabou de come-lo porco, e deixou o rabo nada máis. O lobo foi tan inocente que non desconfiou do raposo e, á volta, preguntoulle: —¿Como lle puxeches ó cativo? —Púxenlle "Acabadallo". —Moi ben. Pois eu mentras terminei de cava-la leira. E foron ó monte para come-lo porco. Ó chegar, dixo o raposo: —Aí te-lo rabo. Tira ti por el, que tes máis forza. O lobo tirou polo rabo e caeu de cu. E dixo o raposo: —Tiraches tanto que lle arrincáche-lo rabo. Entón puxéronse a escarvar pero o porco non aparecía por ningures. Empezaron a rifar. O raposo botáballe as culpas ó lobo: —Ai, lambón, mentras eu fun ós bautizos comíche-lo cocho. O lobo botáballas ó raposo: —Mentireiro, en vez de ir ós bautizos víñaste encher. E ó final o raposo dixo: —Imos facer unha proba. Deitámonos e, ó primeiro que lle súe a barriga, ese foi o que comeu o cocho. Ó lobo pareceulle ben, porque tiña a conciencia tranquila, e deitáronse. O raposo cerrou os ollos pero non durmiu. O lobo quedou durmido axiña, porque traballara moito e estaba canso. Cando o lobo roncaba, foi o raposo e mexoulle na barriga. Espertouno e díxolle: —Fuches ti o que comeu o cocho, que te-lo bandullo todo suado. O lobo, ó verse así mollado, dixo: —¡E máis comín, ho, pero foi sen me dar conta! |
|
Era unha familia moi pobre. Morreron os pais, e os tres irmáns non tiveron apenas herdanza que repartir. Ó maior deixáronlle unha escada. Ó do medio, unha gadaña. E ó pequeno, un galo. O pequeno colleu o seu galo e marchou polo mundo adiante. Despois de moito andar, chegou a unha aldea onde cada noite xunguían o carro coas vacas e ían busca-lo día. Pensaban que, se non o ían buscar, non viña e era sempre noite. O rapaz, que quedara a durmir nunha casa, viu aquel movemento e preguntou: —¿E logo para onde van a estas horas? —Imos á procura do día que, se non imos, non vén e é sempre noite. Facemos quendas, a cada veciño tócalle unha noite e hoxe tócame a min. —Pois eu teño un aparello chamado carretamañás, que trae o día sen que haxa que xungui-las vacas nin nada. —¿Que ha traer? —Trae tal. Se quere probámolo hoxe. —Pois ímolo probar. E agardaron. Cando se achegaba o día, o galo deu en cantar, claro: —¡Cacaracá! Os paisanos colleron algo de medo, e preguntaron: —¿Que foi o que dixo o aparello ese? —O carretamañás di que logo vén o día. Halle de faltar unha horiña. De alí a pouco o galo cantou outra vez: —¡Cacaracá! —¿E agora que di? —O carretamañás non minte. Faltaralle unha media hora. E volveu cantar o galo: —¡Cacaracá! —¿Que di? —Que xa chegou o día. Abran as ventás e hano de ver. Foron mirar e, claro, era día. E dixéronlle os paisanos: —¡Ai, que ben nos viña o aparello este! ¡Canto traballo nos aforraba! ¿E logo non nolo venderá? —Vendo, pero o carretamañás cústalles moito. —Dámoslle os cartos todos que hai no barrio. Xuntáronse os veciños e déronlle unha morea de cartos, tantos que non podía con eles e tivo que deixar algúns. E volveu contento para a casa. O irmán do medio, vendo que o pequeno viña rico, colleu a súa gadaña e decidiu saír el tamén polo mundo. Despois de moito andar, chegou a unha aldea onde segaban agarrando un as pallas e cortándoas outro unha a unha coa navalla. E, claro, así tardaban unha eternidade. Cando viu isto, díxolles: —¿E logo non saben segar doutra maneira? —Non, señor. ¿E logo haina? —Eu teño a segaaxiña, unha máquina que fai o traballo en moito menos tempo. —Pois querémolo ver. Púxose el a segar coa gadaña e, claro, acabou decontado. E dixéronlle os paisanos: —¡Ai, que ben nos viña o aparello este! ¡Canto traballo nos aforraba! ¿E logo non nolo venderá? —Vendo, pero a segaaxiña cústalles moito. Xuntáronse os veciños e déronlle unha morea de cartos, tantos que non podía con eles e tivo que deixar algúns. E volveu contento para a casa. O maior dos irmáns, vendo que os outros dous viñeran ricos e el seguía pobre, botou a súa escada ó lombo e foise polo mundo adiante. Pero non daba feito nada. Mesmo se rían del. Unha noite, aburrido da escada, arrimouna á parede dunha casa para se desfacer dela. Xa ía marchar cando sentiu voces no andar. Picado pola curiosidade, subiu cerca da ventá para oír mellor. Dentro había un matrimonio, e a muller queixábase: —¡Ai, home, a ver se me amañas esa cociña, que a teño toda estragada! A quen ma amañase, non sei o que lle daba. —Ti, por dar, dábaslle os cartos todos que temos agachados na artesa. —Cala, home, que aínda te han oír os veciños. O da escada baixou, esperou toda a noite e, cando o marido marchou para o traballo, púxose a pregoar: —¡O amañador de cociñas! ¡Amaño cociñas, fornos e chemineas! Petou na porta e, cando a muller lle abriu, díxolle: —Señora, veño de parte do seu marido para lle amaña-la cociña, que seica a ten moi estragada. Díxome que, para el, o máis importante do mundo era ter á súa muller contenta, e que me había pagar cuns cartos que tiña na artesa. A muller non desconfiou, porque as señas eran boas, e deixouno pasar. O da escada amañou a cociña e cobrou os cartos. Así que estivo ben lonxe, desfíxose da escada botándoa nunhas silveiras, onde non a vise ninguén. Nestas, o marido volveu á casa e a muller recibiuno toda contenta: —Ai, ho, des que me mandache ese home quedei na gloria. ¡É que antes non podía facer nada! —¿Pero que home? ¿Que home che mandei? —E... chegou un home dicindo que viña de parte túa, que para ti o máis importante era ter contenta á túa muller, que me amañaba a cociña e que lle pagase cos cartos da artesa. E, como onte falamos disto, eu pensei que era verdade e pagueille. —Ai, muller, eu non mandei ninguén. Ese home roubouche os cartos. Vou ver se o collo. Montou o marido na besta e foi polo camiño preguntando se alguén vira un home cunha escada. E encontrou ó amañador pero, claro, como non tiña a escada, non o coñeceu. Ó amañador déralle un apuro e baixara os calzóns por tras dun valado. Vendo que viña o da besta, púxolle a boina por riba ó pastel. E así que o tivo tapado, púxose a dicir: —¡Quieto, paxariño, quieto! ¡Quieto, paxariño, quieto! Entón chegou o da besta e preguntou: —¿E non vería pasar a un home cunha escada? —Vin tal. ¡Quieto, paxariño, quieto! —¿E collereino? —¡Ca! Vostede non o colle, que o da escada leva un cabalo moi bo. ¡Quieto, paxariño, quieto! Agora, eu si que o collía, que eu fixen o servizo en cabalería e éralle dos mellores. ¡Quieto, paxariño, quieto! —Pois se me fose atrás del e mo collese, habíallo de pagar ben, que me roubou moitos cartos. —Pero, home, non podo. ¿Non ve que teño que coida-lo paxariño? ¡Quieto, paxariño, quieto! Este paxariño vale moitos cartos e non se me pode escapar. —Pero cóidollo eu. —Vale, pero non lle toque ó paxariño. O amañador montou na besta e o outro quedou coa boina dicindo "Quieto, paxariño, quieto". Pero pasou o tempo, o amañador non volveu, e quixo ve-lo paxariño que había debaixo da boina. Meteu os dedos amodiño e sacou a man chea de merda. Como lle deu noxo, sacudiu a man e, como estaba á beira dun valado, cravou a man nun espeto. Como lle doeu, meteu a man na boca e tivo que se ir lavar ó río. E dixo: —Por falar cando non toca,
|
Copyleft César Salgado García - cesarsalgado@yahoo.com