Algúns contos de rir e de pensar

Four people

This is a story about four people

named Everybody, Somebody, Anybody and Nobody.

There was an important job to be done

and Everybody was sure that Somebody would do it.

Anybody could have done it, but Nobody did it.

Somebody got angry about that, because it was Everybody's job.

Everybody thought Anybody could do it,

but Nobody realized that Everybody wouldn't do it.

It ended up that Everybody blamed Somebody

when Nobody did what Anybody could have done.


Ó fío do anterior...

Din que a divisa de moitos funcionarios é "a min páganme
por ir ó traballo, se queren que traballe que me paguen máis".

Tamén din que "o traballo é saúde... pois que traballen os enfermos".

E tamén que "o traballo é sagrado... logo non o toquedes".

 

Dous leóns

Dous leóns lograron fuxir dun parque zoolóxico. Corrían xuntos escapando dos seus perseguidores, pero viron que, separándose, había máis posibilidades de que non os collesen. Entón despedíronse como compañeiros de prisión que foran, desexándose boa sorte, e cada un tomou un camiño diferente.

Así, un tirou para o norte, cara as leiras, as fragas e os montes que rodeaban a cidade. O outro tirou para o sur, cara o centro, ateigado de coches, vivendas, oficinas e comercios. Os dous evitaron ós guardas que os perseguían e estiveron uns dous meses fuxidos.

Un día, o león que se escondera na montaña regresa co rabo entre as pernas, sucio, esquelético, pálido, magoado,... e comeza a araña-la porta do zoolóxico para entregarse, triste e sen forzas para loitar. Os guardas préndeno e méteno na súa gaiola. Alí empeza a recuperarse pouco a pouco, pero sempre botando de menos ó seu compañeiro, que fuxira cara a cidade e ó que daba por morto.

Cal non sería a súa sorpresa cando oe un estrondo de bramidos, motores e berros que o fai acordar da sesta. Oito guardas levan encadeado a un león fornido, brioso, con pelo brillante, con músculos espectaculares, con vigor na mirada... ¡capturaran ó seu compañeiro, estaba vivo!

Cando se reuniron na gaiola, alegres de verse xuntos aínda que presos, cada un contou o seu periplo. O primeiro ceibou un salouco e dixo:

—Ai, que triste é a miña historia. Fuxín cara a montaña, non atopei nada para comer, o gando estaba ben gardado nas cortes, a xente tiña armas de fogo, non había animais salvaxes... Pasei moitísima fame e tamén frío, non había covas para durmir, so toxos e pedras... Tiven que rendirme e entregarme. Pero... ¿e ti? ¿como é que chegas con tan bo aspecto, tan lustroso, tan forte?.

O segundo suspirou saudoso:

—Eu tívenche moita sorte, corría pola cidade sen rumbo, entre atascos de tráfico, e de pronto encontrei un edificio que poñía "Xunta de Galicia". Escondinme nos garaxes. Cada día ía comendo un funcionario... ¡aquilo era unha bicoca! Ninguén os botaba en falta, non mandaban investigar nin nada... Pensaban que estarían de baixa, facendo recados, que colleran días moscosos... ¡que sei eu! O caso é que eu vivía a corpo de rei. Durmía nun coche oficial que tiñan de sobra... ¡que vida, chico!

—Pero iso... é incrible... ¿e cómo é que te colleron?

—Porque un día cometín un tremendo erro, un erro do máis infantil. Xa comera un director xeral, dous subdirectores, cinco ou seis xefes de servizo, dez ou doce inspectores, sempre sen problemas. De pronto, un día, ocorréuseme comer un auxiliar administrativo... e despois averigüei que ademais de face-lo traballo de todos, tamén botaba as quinielas e preparaba o café e, amigo,... todos empezaron a preguntar por el, a buscalo por todas partes, houbo unha mobilización tremenda, e aí foi como me descubriron e se me acabou o choio.

 

O globo

O tripulante dun globo perdeuse nun lugar descoñecido. Viu a unha persoa e decidiu preguntarlle. Descendeu ata poñerse a dez metros do chan. Esta foi a súa conversa:

—Oes, ¿pódesme dicir onde estou?

—Estás nun globo a dez metros do chan.

—Ti es informático, ¿nonsí?

—Son, ¿e como o soubeches?

—Elemental, o que me dixeches é tecnicamente correcto pero non resulta de utilidade para ninguén.

—Logo ti es usuario, ¿nonsí?

—Son tal, ¿e en que mo notaches?

—Elemental: non sabes onde estás nin cara onde vas. Esperabas que che puidese axudar e agora pensas que son eu quen ten a culpa dos teus problemas.

 

Recursos humanos

Morreu o responsable do Departamento de Recursos Humanos dunha grande compañía e agora encóntrase na porta do Ceo. Fálalle San Pedro, con aire sorprendido:

—Verás, non é nada frecuente que alguén coma ti chegue á porta do Ceo, así que teremos que someterte a unha pequena proba. Pasarás un día no Inferno e outro no Ceo e serás ti mesmo quen decida qué escolles para a eternidade.

—Pero se xa o teño decidido. ¡Eu quero entrar no Ceo!

—Paréceme moi ben, pero aquí témo-las nosas normas e as instruccións veñen desde o máis alto, así que vas ter que pasa-la proba.

De modo que o noso home colleu o ascensor e baixou ó Inferno. Cando se abriu a porta do ascensor, encontrouse no clube dun campo de golf, e alí estaban tódolos seus amigos de sempre, directivos de grandes empresas, elegantemente vestidos e falando animadamente. Tamén estaba alí o Demo, que resultou ser un tipo moi simpático.

Todos se alegraron moito de verse novamente, e conversaron sobre os vellos tempos ata a noite. A cea foi do máis selecto: langosta, caviar, champaña...

Á mañá seguinte o noso home tivo que colle-lo ascensor para ir ó Ceo. Pasou o día de nube en nube, tocando a harpa e louvando cos seus cánticos a Deus.

Cando acabou este segundo día, apareceu San Pedro outravolta e preguntoulle pola súa decisión.

—Pois nunca o tería dito, pero... vaia, aquí estase moi ben, pero... prefiro o Inferno.

—Farase segundo a túa decisión.

De modo que baixou no ascensor e petou á porta do Inferno. Cando lle abriron, viu un inmenso deserto, e viu tamén aos seus amigos vestidos con cerellos e recollendo o lixo en grandes bolsas negras. Buscou ó Demo para pedirlle explicacións polo cambio. A súa resposta foi:

—Elemental. Onte estabas no proceso de selección. Hoxe formas parte da nosa plantilla.

 

Dúas monxas

Dúas monxas saíran do convento para vender rosquillas. Como unha delas aínda era novicia, a superiora decidiu que fose acompañada por Sor Lóxica, quen tiña sentido abondo como para saír ben de calquera contratempo. Pero fíxoselles noite no medio do camiño e viron que un home as viña seguindo. A novicia preguntou:

—¿Que quererá ese home, Sor Lóxica?

—Por lóxica, ha de querer violarnos.

—¿Que podemos facer? Vainos alcanzar en poucos minutos.

—Loxicamente camiñaremos máis rápido.

Noutra volta do camiño dixo a novicia:

—¡Non funciona!

—Por suposto que non funciona. O home fixo o lóxico: empezou a camiñar rápido tamén.

—¿Entón? ¿Que facemos? Xa case nos alcanza.

—O máis lóxico é que nos separemos. Ti colle ese camiño e eu tomarei estoutro. Non nos pode seguir ás dúas a un tempo.

Entón o home decidiu acelerar o seu paso e seguir a Sor Lóxica. A novicia chegou ó convento e preocupouse porque Sor Lóxica aínda non chegara. Pero non tardou moito en aparecer.

—¡Sor Lóxica! ¡Gracias a Deus que está aquí! Cóntenos, ¿que pasou?

—A única cousa lóxica que podía pasar. O home non puido seguirnos ás dúas e seguiume a min.

—¿Entón? ¿Que pasou? Por favor, cóntenos.

—A única cousa lóxica que podía pasar. Empecei a correr tan rápido como puiden.

—¿E despois?

—A única cousa lóxica que podía pasar. O home tamén empezou a correr tan rápido como puido.

—¿Que máis?

—A única cousa lóxica que podía pasar. Alcanzoume.

—¿E que fixo entón?

—A única cousa lóxica que podía facer. Levantei o vestido.

—¡Meu Deus! ¿E que fixo o home?

—A única cousa lóxica que podía facer. Baixou os pantalóns.

—¡Santa María! ¿E que pasou despois?

—¿Que? ¿Non é lóxico? Unha monxa co vestido levantado pode correr máis rápido que un home cos pantalóns nos artellos.

Maneiras de contar

Un empresario andaba á procura dun traballador que soubese contar. Puxo un anuncio e presentáronse tres candidatos. Pasou o primeiro.

—A ver, ¿sabe vostede contar ata dez?

—Sei. 1, 3, 5, 7, 9, 2, 4, 6, 8, 10.

—¡Que xeito máis estraño de contar!

—É que eu antes traballaba de carteiro.

E pasou o segundo candidato.

—A ver, ¿sabe vostede contar ata dez?

—Sei. 10, 9, 8, 7, 6, 5, 4, 3, 2, 1.

—¡Que xeito máis estraño de contar!

—É que eu antes traballaba para a NASA.

E pasou o terceiro candidato.

—A ver, ¿sabe vostede contar ata dez?

—Sei. 1, 2, 3, 4, 5, 6, 7..., sota, cabalo e rei.

—Isto xa me supera. ¿Podo saber en que traballaba vostede?

—Verá, é que eu antes traballaba na Xunta.

(Continuará...)

Contos

Copyleft César Salgado García - cesarsalgado@yahoo.com

Esta web apoia a iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet