Declaración Universal dos Direitos Humanos

Adoptada e proclamada pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas o dez de decembro do 1948, na súa resolución 217 A (III).

Preámbulo

Considerando que o recoñecemento da dignidade intrínseca e dos direitos iguais e inalienables de tódolos membros da familia humana son os alicerces para a liberdade, a xustiza e a paz no mundo;

Considerando que o descoñecemento e o menosprezo dos Direitos Humanos orixinaron actos de barbarie aldraxantes para a conciencia da Humanidade; e que se proclamou, como a aspiración máis elevada do ser humano, a consecución dun mundo no que as persoas, liberadas do medo e da miseria, gocen da liberdade de palabra e de crenzas;

Considerando esencial que os Direitos Humanos sexan protexidos por un réxime de Direito, para que a persoa non se vexa compelida ó supremo recurso da rebelión contra a tiranía e a opresión;

Considerando tamén esencial promove-lo desenvolvemento de relacións amigables entre as nacións;

Considerando que os pobos das Nacións Unidas reafirmaron na Carta a súa fe nos Direitos Humanos fundamentais, na dignidade e o valor do ser humano e na igualdade de direitos de varóns e mulleres, e que se declararon resoltos a promove-lo progreso social e a eleva-lo nivel de vida dentro dun concepto máis amplo de liberdade;

Considerando que os Estados membros se comprometeron a asegurar, en cooperación coas Nacións Unidas, a promoción do respecto e da aplicación universais dos Direitos Humanos e das liberdades fundamentais; e

Considerando que unha concepción común destes direitos e liberdades é da maior importancia para o pleno cumprimento deste compromiso;

A Asemblea Xeral

Proclama a presente Declaración Universal dos Direitos Humanos como ideal común polo que tódolos pobos e nacións se deben esforzar, para que cada individuo e cada institución, inspirándose sempre nesta Declaración, promova, mediante o ensino e a educación, o respecto a estes direitos e liberdades, e asegure, a través de medidas progresivas de carácter nacional e internacional, o seu recoñecemento e aplicación universais e efectivos, tanto entre os pobos dos Estados membros como entre os dos territorios que estean baixo a súa xurisdicción.

Artigo I

Tódolos seres humanos nacen libres e iguais en dignidade e direitos e, dotados como están de razón e conciencia, deben comportarse os uns cos outros nun espírito de fraternidade.

Artigo II

Toda persoa ten os direitos e liberdades proclamados nesta Declaración, sen distinción ningunha de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinión política ou de calquera outra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición.

Ademais, non se fará distinción ningunha baseada na condición política, xurídica ou internacional do país ou territorio da xurisdicción do cal dependa unha persoa, tanto se se trata dun país independente como dun territorio baixo administración fiduciaria, non autónomo ou sometido a calquera outra limitación de soberanía.

Artigo III

Todo individuo ten direito á vida, á liberdade e á seguridade da súa persoa.

Artigo IV

Ninguén estará sometido a escravitude nin a servidume; a escravitude e a trata de escravos están prohibidas en tódalas súas formas.

Artigo V

Ninguén será sometido a torturas nin a penas ou tratos crueis, inhumanos ou degradantes.

Artigo VI

Todo ser humano ten direito, en todo lugar, ó recoñecemento da súa personalidade xurídica.

Artigo VII

Todos son iguais perante a lei e teñen, sen distinción, direito a igual protección da lei. Todos teñen direito a igual protección contra calquera discriminación que viole esta Declaración e contra calquera incitación a tal discriminación.

Artigo VIII

Toda persoa ten direito a un recurso efectivo, perante os tribunais nacionais competentes, que a ampare contra os actos que violen os seus direitos fundamentais recoñecidos pola constitución ou pola lei.

Artigo IX

Ninguén poderá ser arbitrariamente detido, preso nin desterrado.

Artigo X

Toda persoa ten direito, en condicións de plena igualdade, a ser oída publicamente e con xustiza por un tribunal independente e imparcial, para a determinación dos seus direitos e obrigas ou para o exame de calquera acusación contra ela en materia penal.

Artigo XI

1. Toda persoa acusada de delicto ten direito a que se presuma a súa inocencia en tanto non se probe a súa culpabilidade, conforme á lei e en xuízo público no que se lle asegurasen todas as garantías necesarias para a súa defensa.

2. Ninguén será condenado por actos ou omisións que no momento de se cometeren non fosen delictivos segundo o Direito nacional ou internacional. Tampouco non se imporá pena máis grave cá aplicable no momento de se cometer o delicto.

Artigo XII

Ninguén será obxecto de inxerencias arbitrarias na súa vida privada, na súa familia, no seu domicilio ou na súa correspondencia, nin de ataques contra a súa honra e a súa reputación. Toda persoa ten direito á protección da lei contra tales inxerencias ou ataques.

Artigo XIII

1. Toda persoa ten direito a circular libremente e a elixir a súa residencia no territorio dun Estado.

2. Toda persoa ten direito a saír de calquera país, incluído o seu propio, e a voltar ó seu país.

Artigo XIV

1. En caso de persecución, toda persoa ten direito a buscar asilo, e a gozar del, en calquera país.

2. Este direito non poderá ser invocado contra unha acción xudicial realmente orixinada por delictos comúns ou por actos contrarios ós propósitos e principios das Nacións Unidas.

Artigo XV

1. Toda persoa ten direito a unha nacionalidade.

2. Ninguén será privado arbitrariamente da súa nacionalidade nin do direito a cambiar de nacionalidade.

Artigo XVI

1. Os varóns e as mulleres, a partir da idade núbil, teñen direito a casar e fundar unha familia, sen ningunha restricción por motivos de raza, nacionalidade ou relixión; gozarán de iguais direitos en canto ó matrimonio, durante o matrimonio e no caso de disolución do matrimonio.

2. So mediante libre e pleno consentimento dos esposos se poderá contraer matrimonio.

3. A familia é a célula natural e fundamental da sociedade e ten direito á protección da sociedade e do Estado.

Artigo XVII

1. Toda persoa ten direito á propiedade, individual e colectivamente.

2. Ninguén será privado arbitrariamente da súa propiedade.

Artigo XVIII

Toda persoa ten direito á liberdade de pensamento, de conciencia e de relixión; este direito inclúe a liberdade de cambiar de relixión ou de crenza, así como a liberdade de manifesta-la súa relixión ou a súa crenza, individual e colectivamente, tanto en público como en privado, polo ensino, a práctica, o culto e a observancia.

Artigo XIX

Toda persoa ten direito á liberdade de opinión e de expresión; este direito inclúe o de non ser molestada por causa das súas opinións, o de investigar e recibir informacións e opinións e o de difundilas, a través de calquera medio de expresión e sen limitación de fronteiras.

Artigo XX

1. Toda persoa ten direito á liberdade de reunión e de asociación pacíficas.

2. Ninguén poderá ser obrigado a pertencer a unha asociación.

Artigo XXI

1. Toda persoa ten direito a participar no goberno do seu país, directamente ou por medio de representantes libremente escollidos.

2. Toda persoa ten direito de acceso, en condicións de igualdade, ás funcións públicas do seu país.

3. A vontade do pobo é a base da autoridade do poder público; esta vontade expresarase mediante eleccións auténticas que se celebrarán periodicamente, por sufraxio universal e igual e mediante voto secreto ou procedemento equivalente que garanta a liberdade de voto.

Artigo XXII

Toda persoa, como membro da sociedade, ten direito á seguridade social e a obter, mediante o esforzo nacional e a cooperación internacional e de acordo coa organización e os recursos de cada Estado, a satisfacción dos direitos económicos, sociais e culturais indispensables para a súa dignidade e para o libre desenvolvemento da súa personalidade.

Artigo XXIII

1. Toda persoa ten direito a traballar, á libre elección do seu emprego, a condicións equitativas e satisfactorias de traballo e á protección contra o desemprego.

2. Toda persoa, sen ningunha discriminación, ten direito a igual salario por igual traballo.

3. Toda persoa que traballa ten direito a unha remuneración equitativa e satisfactoria, que asegure para ela e para a súa familia unha existencia conforme á dignidade humana, e que será completada, en caso necesario, por outros medios de protección social.

4. Toda persoa ten direito a fundar sindicatos e a sindicarse para a defensa dos seus intereses.

Artigo XXIV

Toda persoa ten direito ó descanso e ó lecer, a unha limitación razoable da xornada de traballo e a vacacións periódicas pagadas.

Artigo XXV

1. Toda persoa ten direito a un nivel de vida adecuado para a saúde e o benestar dela e da súa familia, incluíndo a alimentación, o vestido, a vivenda, a asistencia médica e os servizos sociais necesarios; ten tamén direito ós seguros nos casos de desemprego, enfermidade, discapacidade, viuvez e vellez, ou noutros casos de perda dos seus medios de subsistencia por circunstancias independentes da súa vontade.

2. A maternidade e a infancia teñen direito a coidados e asistencia especiais. Tódolos nenos, nados dentro ou fóra do matrimonio, teñen direito á mesma protección social.

Artigo XXVI

1. Toda persoa ten direito á educación. A educación será gratuíta, polo menos nas etapas elemental e fundamental. A educación elemental será obrigatoria. A educación técnica e profesional será xeneralizada e os estudios superiores serán igualmente accesibles para todos, en función da valía de cadaquén.

2. A educación terá como obxectivo o pleno desenvolvemento da personalidade humana e o fortalecemento do respecto ós Direitos Humanos e ás liberdades fundamentais. Promoverá a comprensión, a tolerancia e a amizade entre tódalas nacións e tódolos grupos étnicos ou relixiosos, e fomentará as actividades das Nacións Unidas para o mantemento da paz.

3. Os pais teñen direito preferente a escolle-lo tipo de educación que se lles vai dar ós seus fillos.

Artigo XXVII

1. Toda persoa ten direito a tomar parte libremente na vida cultural da comunidade, a gozar das artes e a participar do progreso científico e dos seus beneficios.

2. Toda persoa ten direito á protección dos intereses morais e materiais que resulten das produccións científicas, literarias ou artísticas das que sexa autora.

Artigo XXVIII

Toda persoa ten direito a que se estableza unha orde social e internacional na que os direitos e liberdades proclamados nesta Declaración se fagan plenamente efectivos.

Artigo XXIX

1. Toda persoa ten deberes respecto á comunidade, xa que so nela pode desenvolver libre e plenamente a súa personalidade.

2. No exercicio dos seus direitos e liberdades, toda persoa estará suxeita so a aquelas limitacións establecidas pola lei co único fin de asegura-lo recoñecemento e o respecto dos direitos e liberdades dos demais, e de satisface-las xustas esixencias da moral, da orde pública e do benestar xeral nunha sociedade democrática.

3. Estes direitos e liberdades non poderán ser, en ningún caso, exercidos en oposición ós propósitos e principios das Nacións Unidas.

Artigo XXX

Nada na presente Declaración poderá ser interpretado no sentido de que confire algún direito a calquera Estado, grupo ou persoa para emprender actividades ou realizar actos tendentes á supresión de calquera dos direitos e liberdades nela proclamados.

 

Esta traducción fíxoa César Salgado García (IX - 2000). Nalgúns casos fun incapaz de conciliar as diferentes versións, por ser escuros ou diverxentes os significados respectivos.

Revisada (III - 2001): cambiei "dereito" (forma exclusiva de certas variantes galegas) por "direito" (forma plenamente galega, que ademais compartimos co portugués).

Revisada (V - 2007): pequenas modificacións ortográficas.

Textos consultados

Diccionarios

  • Galegos, o de Isaac Alonso Estravís (Sotelo Blanco, Compostela, 1995) e o da Real Academia Galega (Vigo, 1998)
  • Diccionario da Real Academia Española (1992)
  • Diccionario Inglés-Español Langenscheidt (1982)
  • Diccionario Latín-Galego (Galaxia. Vigo, 1999)

 

Enlaces sobre Direitos Humanos

Copyleft César Salgado García - - cesarsalgado@yahoo.com

Esta web apoia a iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet