ZOLTÁN KODÁLY (1882 - 1967)

Nesta sección quérovos falar de Zoltán Kodály, compositor, etnomusicólogo e pedagogo musical húngaro. Kodály desenvolveu un concepto da música e da pedagoxía musical que pronto se aplicaría en tódalas escolas primarias da Hungría.

Comecei a coñecelo no cursiño que impartiu o doutor Carlos Miró Cortez na Escola de Maxisterio compostelá (1993), e logo fun seleccionado por esa mesma Escola para realizar unha visita académica ó Instituto Kodály (marzo do 1996), onde comprobei parte das potencialidades do concepto e das metodoloxías coas que se asocia tradicionalmente.

Digo isto porque algunhas persoas que se acercan a Kodály só superficialmente soen asocia-lo seu concepto con metodoloxías que son accesorias e non fundamentais na súa pedagoxía. Por exemplo:

  • coas "sílabas rítmicas" (ta, ti-ti,...)
  • co método de "dó móbil" ou "solfexo relativo"
  • coas escalas pentatónicas como base universal da aprendizaxe

Nin as "sílabas rítmicas" nin o "solfexo relativo" son invención de Kodály. Por outra banda, é claro que o solfexo relativo é unha boa ferramenta (ninguén dixo que fose a única, estamos a falar de métodos) para a comprensión das funcións modais e tonais na música occidental (folclórica e académica, antiga e moderna).

Coa pentatonía soe cometerse un erro gravísimo. O que di Kodály é que o neno aprenderá primeiro a linguaxe do seu folclore, do seu ambiente. Alí en Hungría a pentatonía é parte central da linguaxe musical folclórica. Por ese único motivo os métodos húngaros empezan pola pentatonía.

Continuará...

 

Enlaces

Inicio - - - Correo

Webmaster: César Salgado García - - - Última revisión: 16 - VI - 2006

Esta web apoia a iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet