Vieiros, 29 - XII - 2004
UNHA TEMPADA NO PALEOLÍTICO
Perdedores
|
Xabier Vázquez Pumariño Situación baseada nun caso real 1: hai unha canteira no Caurel (minto, hai ducias, pero agora centrémonos nunha) completamente ilegal dende todos os puntos de vista. Ben como é ilegal ten que pechar, e como ten que pechar, o patrón ponlle diante aos seus traballadores a seguinte alternativa: ou estades comigo ou todos a rúa. Resultado: tres sindicatos tres convocan unha manifestación a favor da ilegalidade. Situación baseada nun caso real 2: neste caso o escenario foi Vigo, a cidade máis cidade de todas as aldeas galegas; Greenpeace, organización máis que solvente na defensa do mar, leva a cabo unha campaña contra o arrastre de fondo, arte industrial especialmente lesiva para a vida mariña, tal e como a mesma ONU recoñece, na que os galegos, determinados galegos, destacan, xunto con outros países, máis ben compañías. Resultado: os patróns, determinados armadores, protestan e é lóxico, son os seus cartos pero luminarias nacionais/listas do sector-totem local acoden á manifestación, o Consello Económico Social de Vigo parapétase na barricada con compañas tan curiosas como a do Conselleiro de Pesca Industrial, Sr. López Veiga. Tapémonos a cara coa boina ante o feito. Situación baseada nun caso real 3: un Estado ao cal pertencemos, guste ou non, libremente decide asinar fai anos un protocolo, o de Quioto, para ver de salvar a vida humana sobre a terra. Os patróns, neste caso, macrocompañías por todos coñecidas, pasan de todo, non fan os deberes e á hora da aplicación do protocolo, ameazan con que teñen que reducir postos de traballo. Resultado: mobilizacións a favor das emisións de CO2, apoiadas por sindicatos e mira ti por onde polo sector nacionalista incumprindo o seu programa. Está claro, Galiza próximo Estado dos USA. Wellcome. Que cada quen saque a conclusión que queira. A miña non resulta particularmente estimulante; supoño que tanto tempo xogando no bando do perdedor leva a comportarse como un perdedor en todos os casos e a rexeitar a legalidade, a lóxica, a ética, mesmo a realidade e, por suposto, o país, e non só este, senón todos. A economía insustentábel e a boina diante dos ollos leva a estes grandes fitos de lucidez estratéxico-predictiva. Polo momento, uns patróns tan incompetentes como inmorais rinse mentres outros, os perdedores, lles fan o traballo. Feliz e local ano novo. |