Vieiros, 17 - II - 2005

Igualdade cañí

Xabier Cordal Fustes

Como nos ensina o número 19 da Festa da palabra silenciada, dedicado ao pobo e á cultura romanós, "cañí" é unha variante de "calí", que significa "xitana". Ao termo soldóuselle, coma un piollo pato, a palabra "España", un pasodobre e unha restra de tópicos industriais sobre a alma colectiva.

Xa dicía Ganivet que España era absurda e o absurdo o seu principal nervio e soporte. España é de alma xitana, España é racista; España é singular e plural, macho e femia. España, garantía de cidadáns libres e iguais, decreta dezaseis anos de prisión por incendiar un caixeiro automático nas comunidades autónomas de Euskadi e Navarra (na Rioja é un delito menor). En cambio se estás implicado en varios crimes e non es vasco pode pasar que primeiro te ascendan a xeneral e despois te xulguen un pouco e saias da cadea antes ca a rapaza do caixeiro. En España somos así, señora.

España é un Estado de Dereito onde -díxoo o Ministro o outro día- a Lei debe cumprirse con absoluto rigor e normalidade democrática, e polo tanto non podes presentarte ás eleccións se non cumpres a Lei de Partidos. Agora ben, se presumes de incumprir outra Lei dese mesmo Estado de Dereito podes ser alcalde da Coruña. E hai partidos rabiosamente legais que lamentan e nunca condenan a execución dunha cativa de dez anos en Gaza. E lamentaron, e nunca condenarán, o asasinato de José Couso.

En España venden traballos de dúas semanas ou dúas horas, mercado flexible. Pero o exército, a aristocracia, a cúpula da banca e as mulleres espidas e prostituídas polos xornais parecen ter un contrato sen posibilidade de revogación. Aparece tamén neses xornais a fotografía (a cara, non o corpo) de certas persoas que advirten dos perigos do fanatismo e indican ao lector o que é moral e o que non o é.

Apoiando implicitamente todo isto, algúns intelectuais procedentes da esquerda galega afirman que España é un horizonte de liberdade (de Santiago a José María Pemán). Que hai que mirar do futuro e polo menos se es español e te portas ben hai un respeto, que diría Tonecho. O láudano, a morte dóce dos pobos con soberanía literaria. E convértense, por ampliación de capital, no traxe novo do novo déspota ilustrado. Xa non é un marqués a protexer a finca. Évos Europa, marca e logotipo transnacional que lexisla mediante curioso artefauto posmoderno (a asemblea posconstituínte) as novas regras para os pobres e para as nacións. España é Cañí, Europa libre. Garabélate, romanó, que a pestaña muda de uniforme.