Esta web apoia a iniciativa de PuntoGal por un dominio galego propio (.gal) en Internet

Longa noite de pedra (1999): letra de Celso Emilio Ferreiro, música de César Salgado García


Celso Emilio Ferreiro (Celanova, 6-I-1912; Vigo, 1979) destaca polas súas actividades como escritor e político, ámbalas dúas desenvolvidas sen interrupción desde mozo e ata a súa morte.

O poema Longa noite de pedra publicouno Celso Emilio nun poemario ao que deu ese mesmo título (Galaxia; Vigo, 1962). Segundo unha interpretación moi extendida na época da súa publicación, o poema refírese á dictadura franquista como a "longa noite de pedra" que sufría o país galego.

Pero semella que o poema foi concebido nun contexto concreto: o vivido polo poeta cando padeceu prisión no ano 1937, en plena guerra civil.

Sen prexulgar cál sexa a interpretación axeitada, máis aínda, no convencemento de que a poesía debe interpretala cada lector conforme ás circunstancias da súa persoal recepción, de todos modos convido a le-lo poema á luz que nos dan (se ben nos valemos do irregular espello da Historia e da nosa limitada capacidade para comprendela) as circunstancias do autor, do país e da época.

Nesta miña versión non poño música á cita que encabeza o poema. Opino que a cita non forma parte do poema strictu senso, se ben pode recitarse antes de canta-la obra.

Dedico esta miña primeira obra "completa" a José Antonio Hoyos Silva, grande amigo e mestre, compañeiro, cantor e director nalgúns dos coros nos que cantei. Compúxena pensando nos coros principiantes que actualmente dirixe, procurando que tesituras e intervalos melódicos non lles fosen un obstáculo. Son un afeccionado sen apenas estudios musicais e espero que saberá desculpa-la indignidade desta miña dedicatoria.

Copyleft César Salgado García - A Coruña, 25 de marzo do 1999.

P.S.: Mentras escribía estas liñas principiaban os ataques da OTAN á Iugoslavia, nun exercicio de inxerencia dubidosamente humanitaria, pois ignoran á ONU e bombardean un país débil e inimigo deles. ¿Qué fixeron nas masacres do Tibet, do Curdistán, de Palestina, etcétera? Como dixera Paul Valéry, "a guerra é unha masacre entre persoas que non se coñecen para proveito de persoas que si se coñecen pero non se masacran". Cada guerra é unha longa noite de pedra para a poboación civil e para a mobilizada pola forza.


Longa noite de pedra en formato NoteWorthy Composer (*.nwc). Para vela, escoitala ou imprimila, podes baixar gratis o NoteWorthy Composer Viewer. Tamén está en MIDI.

 

LONGA NOITE DE PEDRA

No meio do caminho tinha uma pedra
tinha uma pedra no meio do caminho
tinha uma pedra
no meio do caminho tinha uma pedra.

Carlos Drummond de Andrade

O teito é de pedra.
De pedra son os muros
i as tebras.
De pedra o chan
i as reixas.
As portas,
as cadeas,
o aire,
as fenestras,
as olladas,
son de pedra.
Os corazós dos homes
que ao lonxe espreitan,
feitos están
tamén
de pedra.
I eu, morrendo
nesta longa noite
de pedra.


Inicio - - - Correo

Copyleft César Salgado García